Participamos no encontro ONDA


Aínda que o verán adoita ser un tempo de pouca acción, este ano tivemos a sorte de romper a dinámica do lecer estival cunha interesante actividade: convidáronnos a ONDA, o Obervatorio da Nova Diáspora Galega. O encontro celebrouse no Centro Cívico do Romaño de Santiago de Compostela entre os días 20 e 22 de xullo e aló estiveron Adriana Páramo, Laura Rodríguez e o antigo membro do GFF, Xabier Mera.

Alén de presentar a actividade do GFF ao longo destes anos, tivemos a honra de ser os responsables da selección dunha escolma de curtametraxes que se proxectaron na primeira xornada do encontro. As obras foron ‘Europa’ de Hugo Amoedo, ‘Pettring’ de Eloy D. Serén, ‘Matria’ de Álvaro Gago e ‘Galicia. Portobello Road’ de Adriana Páramo.

Foron tres días moi intensos que nos deron a oportunidade de coñecer a outros galegos da diáspora e o seu traballo, rencontrarnos con antigos membros do GFF retornados á terriña (Hello, Bea Romero and Xabier!), facer un cachiño diso tan moderno que se chama networking e, sobre todo, confirmar algo que xa intuiamos: canto talento galego hai espallado polo mundo.

Dende o GFF queremos agradecer á organización de ONDA e moi especialmente a Pepe Sendón, o seu coordinador, a invitación e a cálida acollida. Oxalá esta necesaria iniciativa teña o percorrido e a resonancia que merece. Longa vida a ONDA!

Laura Rodríguez, Adriana Páramo e Xabier Mera na súa intervención (Crédito foto: ONDA)

 

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*