Sobre nós


Equipo do GFF Equipo do GFF

Somos o Galician Film Forum, un espazo de exhibición do cine galego con sede en Londres. Levamos argallando cousas desde o 2015.

Se queres saber un pouco máis sobre a nosa filosofía, segue lendo, e se estás interesado en contactar con algún membro en particular do equipo ou simplemente, curiosear un pouco, pasea polo apartado Ponnos cara.

En 140 caracteres, que é o Galician Film Forum?

Só 140?? Puf! Co que nos gusta falar… A ver, o GFF somos un grupo de xente que organizamos proxeccións de cinema galego en Londres. Cravado!

E en máis de 140 caracteres? Pero que non sexa un tochazo!

Pois o esencial é iso. O Galician Film Forum nace para cubrir o que nós identificamos como unha necesidade, isto é, o poder ver cine galego en Inglaterra sen ter que recorrer a piratadas ou trampas.

Unha vez que comezamos con isto, xa nos puxemos máis ambiciosos, e queremos que o GFF sexa tamén un punto de encontro entre creadores galegos na diáspora. Se te dedicas á música, a escribir, a pintura ou dalgún xeito creas cultura, os nosos eventos son un bo lugar para coñecer a outros argalleiros e argalleiras.

Aínda que queremos chegar a públicos de calquera nacionalidade, tamén nos reivindicamos parte da comunidade galega no exterior. Promovemos a nosa cultura e a nosa lingua e queremos afianzar os lazos entre a nosa emigración. E como nós de modestia non entendemos moito, considerámonos nada máis e nada menos que unha ponte entre as culturas galega e inglesa. Aí queda iso.

Pero sobre todo, o Galician Film Forum é un espazo para pasalo ben. Se os que estamos metidos nisto dedicamos o noso tempo libre en montar proxeccións, o mínimo é divertirse!

Tedes un manifesto fundacional ou algo así?

Alégranos moito que fagas esa pregunta! Si! Temos un manifesto estupendo no que explicamos cales son os nosos principios, os nosos obxectivos para o futuro e os valores nos que cremos.

Pódelo descargar aquí.