A Universidade de Oxford acolle o ciclo de proxeccións ‘O cinema galego hoxe’


  •  A primeira xornada, dedicada á animación, será este venres un de decembro e nela proxectarase O Apóstolo no Shulman Auditorium do Queen’s College
  • O ciclo proseguirá con outras catro sesións gratuítas, unha por mes, ata abril
  • A actividade está organizada por The John Rutherford Centre for Galician Studies coa colaboración do Galician Film Forum

Oxford, 28 de novembro do 2017. A Universidade de Oxford acollerá entre decembro e abril o ciclo ‘O cinema galego hoxe’, unha proposta para achegar ata a cidade universitaria un panorama xeral do audiovisual galego actual. A actividade está organizada por The John Rutherford Centre for Galician Studies coa colaboración do Galician Film Forum e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e da Universidade de Oxford.

O ciclo comezará o vindeiro venres un de decembro cunha xornada centrada na animación na que se proxectará O Apóstolo de Fernando Cortizo no Shulman Auditorium do Queen’s College [18 h., High Street, Oxford, OX1 4AW]. Todas as proxeccións serán en versión orixinal e terán subtítulos en inglés. Ademais, serán gratuítas, se ben será preciso retirar previamente a entrada vía web. No caso do Apóstolo, a entrada xa está dispoñible nesta ligazón.

O ciclo continuará en xaneiro cun serán de ficción e a película Os fenómenos de Alfonso Zarauza. En febreiro será a quenda das novas narrativas e vaise poder ver o título Costa da morte de Lois Patiño. A xornada de marzo vaise dedicar a curtametraxes e a de abril estará centrada no xénero documental e levará ata Oxford Os días afogados de César Souto e Luis Avilés.

A xornada de animación

Que o ciclo ‘O cinema galego hoxe’ se inaugure cunha película como O Apóstolo non é casual xa que unha peculiaridade da produción galega de comezos dos anos 2000 foi o desenvolvemento da industria da animación. Neste contexto forxouse O Apóstolo, un ambicioso proxecto de Artefacto Producións que supuxo cinco anos de traballo e que se materializou na primeira película de animación stop motion de Europa realizada mediante produción estereoscópica.

Para facela realidade precisouse da implicación de máis de douscentos profesionais do mundo da animación e do modelado 3D. Ademais, outra das súas peculiaridades radica no novo sistema de rodaxe empregado, xa que os actores protagonistas non só lles cederon a súa voz aos personaxes da historia, senón que interpretaron previamente as escenas para inspirar cos seus movementos e expresións reais aos animadores.

Este traballo viuse recompensado con galardóns como o Premio do público no festival de ANNECY 2013, o Primeiro Premio do Festival Expotoons de Buenos Aires ou o Grand Prix do Festival Cinehorizontes de Marsella. Outros recoñecementos foron o Premio Especial do Xurado en Fantasporto, o Premio á Mellor Banda Sonora ou o Premio do Público na Mostra de Lisboa, entre outros.

The John Rutherford Centre for Galician Studies

O Centro de Estudos Galegos John Rutherford da Universidade de Oxford –un dos Centros da rede de lectorados da Secretaría Xeral de Política Lingüística- está situado no Queen’s College e depende organicamente da Faculty of Medieval and Modern Languages. Fundado en 1991 baixo a dirección do Dr. John Rutherford, foi a primeira institución universitaria en ofertar estudos galegos fóra do Estado Español e, na actualidade, é un dos tres existentes nas Illas Británicas, xunto co de Bangor en Gales e o de Cork, na Irlanda. Alén da docencia e investigacion en Lingua, Literatura e Cultura a Galegas, o CEG desenvolve anualmente un variado programa de actividades académicas culturais en cuxo marco se insere este ciclo de cinema.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido, e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*