Tódalas mulleres que coñecemos


“Tódalas mulleres que coñezo” é una película dirixida por Xiana do Teixeiro cunha equipa cen por cen feminina sobre un medo ben coñecido por tódalas mulleres.

Destaca ademais por recibir as mencións especiais do festival de cine internacional de Ourense, e do Evolution Mallorca International Film. O premio de Público e Premio DOCMA do Festival de Cine Documental de Cádiz. O premio do público no Primavera do Cine de Vigo e o premio Screenly de Documenta Madrid. Nomeada como mellor documental nos Premios Mestre Mateo. E seleccionada no Festival de Málaga de Cine Español, no Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe, na Mostra de Films de Donas de Barcelona, no Festival de Cine Documental y Cortometraje de Bilbao, na Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo e no Cinespaña de Toulouse.

Unha película brillante a tódolos niveis, tecnicamente recorre á sinxeleza e ó branco e negro logrando que o obxecto non perda foco. Con primeiros planos que inclúen ó espectador dende o primeiro momento nunha conversa que podería ter lugar en calquera momento por calquera grupo de mulleres que coñezamos. Cunha montaxe áxil e cun son perfecto que fan imposible evadirse das conversas.

Conversas que transcorren a varios niveis, xa que aínda que o xerme da historia é un grupo de mulleres novas compartindo as súas experiencias de violencia, de acoso, de medo, pero tamén de aprendizaxe e asunción do seu papel de vítimas só polo feito de ser mulleres; pasa a outro nivel cando un grupo de mulleres de maior idade observa esta conversa e debate sobre as experiencias personais, sobre a propia responsabilidade na transmisión dese medo, pero tamén sobre a responsabilidade de non lograr educar ós fillos para que non sexan agresores, acosadores… E nun último nivel onde un grupo mixto de estudantes de secundaria é testemuña das dúas conversas anteriores e xorde o debate, onde elas recoñecen e comparten o medo e as vivencias, e onde eles reaccionan con empatía ou cunha actitude defensiva recorrendo a un discurso politicamente correcto que trata de ocultar o problema.

Aínda que a violencia ocupa un papel principal na película a naturalidade, os cambios de nivel ós que facíamos referencia antes, ese cambio de enfoque bota luz sobre as diferentes facetas do problema e logran que non resulte unha película sinistra. A propia Xiana do Teixeiro deixa claro dende o prólogo, o quid da cuestión é o ataque á liberdade das mulleres, como o heteropatriarcado desenvolve ferramentas, a nivel político, educacional, a través dos medios de comunicación… para controlar os espazos, para controlar á muller.

Xiana do Teixeiro creou unha película perfecta para xerar debate, para axudarnos a descubrir e poida que axudarnos a reaccionar.

Tódalas mulleres que coñezo (trailer) // All the Women I Know (trailer) from Walkie Talkie Films on Vimeo.

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*