Galician Film Forum celebra a súa décima edición coa estrea de ‘Tódalas mulleres que coñezo’ no Reino Unido e coa proxección de ‘Matria’


  • ‘Tódalas mulleres que coñezo’, de Xiana do Teixeiro, é un documental sobre espazo público, xénero e violencia que se articula arredor de tres conversas
  • ‘Matria’, de Álvaro Gago, é unha curtametraxe multipremiada sobre a incomunicación e o falso mito do matriarcado galego
  • A cita será o venres 5 de abril, a partir das 19 horas, no King´s College London, con entrada gratuíta
  • Ao rematar a proxección haberá un coloquio con Álvaro Gago, presente no evento

Londres, 1 de abril do 2019. O Galician Film Forum (GFF) celebrará a súa décima edición cun programa dobre que incluirá a estrea no Reino Unido do documental Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Texeiro, e a proxección da curtametraxe Matria, de Álvaro Gago. A actividade terá lugar o venres, 5 de abril, na universidade King´s College London [19 h, Edmond J Safra Theatre, Strand Campus, WC2R 2LS]. Ademais, tras as proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio con Álvaro Gago, que se desprazará a Londres para participar nesta edición.

Coma decote, ambas as dúas obras proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e mais en galego. A entrada do evento é gratuíta, mais cómpre reservala con antelación neste enlace. Esta edición do GFF conta co apoio do Departamento de Spanish, Portuguese and Latin American Studies do King´s College London, co patrocinio de ABANCA e coa colaboración da Oficina para Asuntos Culturais e Científicos da Embaixada de España en Londres.

O documental Tódalas mulleres que coñezo recolle tres discusións interconectadas sobre violencia, xénero e espazo público. Na primeira delas, cinco amigas comparten vivencias nunha conversa íntima que se grava e amosa nunha xuntanza de mulleres e, máis tarde, nunha clase de bacharelato. O resultado final son tres conversas femininas de distintas xeracións que comparten experiencias e sensacións sobre espazo público, xénero e violencia.

Con este particular diálogo sobre o diálogo rodado en branco e negro, a directora busca articular un discurso sobre o medo que non fomente o medo, un discurso sobre a violencia que non resulte violento. Unha historia, en definitiva, de sororidade universal que persegue, á súa vez, alentar novas conversas tras o seu visionado.

Dende a súa estrea, o documental de Xiana do Teixeiro proxectouse en numerosos festivais nacionais e no Cinespaña de Toulouse. Entre os galardóns que obtivo figuran o Premio do Público de Primavera do Cine de Vigo, o Premio do Público e o Premio DOCMA de Alcances – Festival de Cinema Documental de Cádiz, e o Premio Screenly de Documenta Madrid. Tamén conseguiu a Special Mention Feature Doc do Evolution Mallorca International Film Festival e a Mención especial do xurado de OUFF – Festival de Cinema Internacional de Ourense.

Premio en Sundance

Pola súa banda, Matria chega ao GFF co aval que supón ser un dos títulos máis recoñecidos do audiovisual galego, con galardóns tan destacados como o Gran Premio do Xurado do Festival de Sundance, o de mellor curtametraxe española da Seminci de Valladolid ou os premios á mellor película e actriz obtidos en Alcine, o Festival Internacional de Alcalá de Henares, por citarmos algúns dos máis de sesenta que logrou no seu triunfal percorrido por festivais nacionais e internacionais.

Un impresionante palmarés para unha obra sobre a incomunicación que desmonta o mito do matriarcado en Galicia a través dun día na vida de Ramona, traballadora dunha conserveira. A cámara segue a protagonista amosando de xeito case documental os elementos da súa rutina cotiá: o cansazo, a incomunicación no traballo e no fogar e o refuxio na complicidade coa súa filla e mais a súa neta.

Os directores

Xiana do Teixeiro é unha cineasta interesada no relato íntimo, a identidade, a construción do xénero e a ecoloxía. Tamén é doutora e investigadora en Comunicación Audiovisual, creadora, produtora musical e cofundadora da produtora Walkie Talkie Films. Con Estrada dunha soa dirección gañou o Proxecto X Films do Festival Punto de Vista 2015 (Navarra). Actualmente está inmersa en Proxecto Diario, unha investigación artística e película en produción sobre o diario íntimo feminino adolescente. Tódalas mulleres que coñezo (2018) é a súa primeira longametraxe.

Álvaro Gago estudou Comunicación Audiovisual e Piano en Galicia antes de se mudar a Chicago, onde se formou en actuación e dirección de teatro na North Park University. Máis tarde trasladouse a Londres, onde se graduou na London Film School coa curta Curricán (2013). Profesionalmente, compaxina a súa faceta de director coa montaxe e a docencia de cinema. Recentemente acaba de rematar a rodaxe da súa nova curta, 16 de decembro, e está a preparar o guión da súa primeira longametraxe.

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*