‘Os salteadores’, a fronteira como campo de batalla


Fotograma da curta 'Os salteadores'

Fotograma da curta ‘Os salteadores’

Os asistentes á V edición do Galician Film Forum poderán visionar a obra Os salteadores (1993) do portugués Abi Feijó (Braga, 1956). Trátase dunha curtametraxe de animación ambientada na época posterior á Guerra Civil española.

Feijó cóntanos a desesperada fuxida de moitos republicanos represaliados tras a vitoria de Franco que atopaban refuxio nas montañas portuguesas. O relato baséase nun feito real acontecido en Vila Real, Portugal, onde un grupo de republicanos españois foi capturado e entregado ás autoridades de Franco. A historia, relatada en primeira persoa por un dos protagonistas e testemuña do suceso, amosa as diversas versións que existían na época sobre a figura destes homes.

É moi interesante ver a postura de Portugal coa ditadura de Salazar, en clara colaboración co goberno fascista de Franco. En moitos casos, actuou como cómplice na captura de republicanos españois.

A banda sonora engádelle suspense á película e busca crear un clima de tensión e intriga durante todo o filme. O son acompaña as imaxes de xeito moi salientable e chega a adquirir un gran protagonismo.

Abi Feijó é unha das figuras máis representativas da animación portuguesa. En 1987 fundou o mítico estudo Filmógrafo, centrado na animación artesanal e que ata o seu peche no 2002 desenvolveu un intenso traballo que se materializou en medio cento de obras. A súa traxectoria profesional inclúe máis de 40 galardóns internacionais que recoñecen o seu labor como director e produtor.

Os salteadores recibiu un bo número de premios, entre os que cómpre salientar a Mención de Honra no Festival Annecy’95 (Francia) e a Espiga de Ouro na Semana Internacional de Cine de Valladolid´94.

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*