‘A raia’, a fronteira entre Galicia e Portugal, protagoniza a quinta edición do Galician Film Forum


  • A Raia edition celebrarase este venres 2 de decembro a partir das 19 h no King´s College de Londres con entrada gratuíta
  • O programa inclúe as obras Mulleres da Raia, de Diana Gonçalves, A Raia, de Iván Castiñeiras, e Os salteadores, de Abi Feijó
  • As cintas proxectaranse no seu idioma orixinal con subtítulos en inglés

Londres, 23 de novembro de 2016. A fronteira entre Galicia e Portugal, o que se coñece como a raia, será o eixe temático da quinta edición do Galician Film Forum (GFF), que terá lugar este venres 2 de decembro na universidade King´s College de Londres [19 h, Strand Campus, WC2R 2LS]. O programa do evento, titulado A Raia edition, inclúe as mediometraxes Mulleres da Raia, de Diana Gonçalves, e A Raia, de Iván Castiñeiras, e mais a curta de animación Os salteadores, de Abi Feijó. Tras a proxección, haberá un coloquio con Diana Gonçalves a través de videoconferencia.

As obras proxectaranse no seu idioma orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase tanto en lingua galega como inglesa. A entrada é gratuíta pero é necesario reservala con antelación nesta ligazón. Toda a información relativa ao evento pódese consultar na páxina web do GFF (galicianfilmforum.gal). Esta nova edición conta co apoio do King´s College da capital británica e coa colaboración da Agência dá Curta Metragem de Portugal.

Por primeira vez o GFF proxectará obras de autores de fóra de Galicia, pero o obxectivo desta edición é amosar a pluralidade de visións que hai arredor dunha fronteira que une e separa ambos os dous territorios. Mulleres da Raia é un documental centrado nas historias de mulleres galegas e portuguesas que se dedicaban ao contrabando de produtos de primeira necesidade durante as ditaduras de Franco e Salazar. Nesa época a emigración dos homes deixou as súas mulleres soas a cargo dos fillos e das terras, abocadas a unha miseria que paliaban grazas ao contrabando.

Dende que Diana Gonçalves estreou Mulleres da Raia no 2009, a cinta recibiu numerosos galardóns, como un Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ao mellor documental (2009), o Premio Cinema Minhoto do Festival Filminho (2009), o Premio da Prensa ao Mellor Filme en Caminhos do Cinema Português (2009) e un accésit no Festival Internacional de Documental Etnográfico Espiello (2011).

O segundo dos títulos, A Raia, é unha curtametraxe documental protagonizada por Pepe, un ourensán de Tameirón, e por Fernando, da aldea de Casares, no Parque Natural de Montesinho. Ambos os dous traballaron xuntos case vinte anos e, tras a desaparición da fronteira, deixaron de verse. Esta obra de Iván Castiñeiras recibiu a Mención Especial ‘Holds great promise for the future’ dentro da sección oficial do Edimburgh International Film Festival (2013). Ademais, proxectouse en DocLisboa (2012), L´Alternativa (2013), Cineuropa Santiago de Compostela (2013), Playdoc (2014), Eslovenia Isola Cinema Film Festival (2014) e no Festival Etnográfico de Belmonte, Beira -Baixa de Portugal (2015).

Pola súa banda, Os salteadores é unha curta animada que adapta un conto homónimo de Jorge de Sena ambientado nos anos 40, cando tras a Guerra Civil Española moitos republicanos se refuxiaron nas montañas do norte de Portugal. Cuns vinte anos de vida, este traballo de Abi Feijó é considerado como un clásico dentro do cinema de animación portugués e entre os numerosos galardóns que atesoura destacan o premio Cidade de Espinho de Cinanima (1993), o Premio Especial do Xurado en Cartoon d’Or’94, a Espiga de Ouro de Valladolid (1994) ou unha Mención de Honra en Annecy (1995).

Sobre os directores

Diana Gonçalves (Tui, 1986) é licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo. Ao longo da súa andaina profesional desenvolveu labores de produción e realización independente de documentais cinematográficos, entre os que figuran, amais de Mulleres da raia, Retrato encontro (2009), Retrato memoria (2010), Retrato deriva (2011), Retrato paisaxe (2012), Retrato espello (2013) e Uma casa portuguesa (en produción).

Iván Castiñeiras (Ourense, 1980) posúe unha formación multidisciplinar en historia da arte, cinema, son e dirección que acadou en centros de España, Portugal e Francia. Entre o 2006 e o 2011 traballou como director de son e na posprodución de obras de ficción e documentais. Na actualidade reside en Barcelona, onde compaxina a súa actividade freelance como director de fotografía e de son coa docencia na Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya (ESCAC) e na Escola Afilm. No seu currículo como director figuran A Raia (2012) e Où est la jungle? (2015).

Abi Feijó (Braga, Portugal, 1956) é unha das figuras máis representativas da animación portuguesa. En 1987 fundou o mítico estudio Filmógrafo, centrado na animación artesanal e que, ata o seu peche no 2002, desenvolveu un intenso labor que se materializou en medio cento de obras, moitas realizadas polo propio Feijó. A súa traxectoria profesional está marcada por máis de 40 galardóns internacionais que recoñecen o seu labor como director e produtor. A súa filmografía compóñena os títulos Oh que calma (1985), A noite saiu á rúa (1987), Os salteadores (1993), Fado lusitano (1995), Clandestino (2000) e Nossa Senhora da Apresentação (2015).

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

Entradas

https://gffaraia.eventbrite.co.uk/

iconmonstr-file-33-120Imágenes (descarga archivo .rar)

 

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*