O Galician Film Forum presenta en Londres o filme ‘Tralas luces’, un retrato feminino da vida nómada dunha familia de feirantes


A nova edición do Galician Film Forum (GFF), que leva por nome “Olladas de Muller” terá lugar o vindeiro 20 de novembro as 18:30, na prestixiosa universidade King´s College de Londres.

Londres, 7 de novembro de 2015. O evento consistirá na proxección dunha longametraxe, Tralas Luces, de Sandra Sánchez, e dúas curtametraxes; Galicia Portobello Road, de Adriana Páramo e Conversa cunha muller morta, de Sonia Méndez. Despois dos filmes terá lugar un coloquio no que participará a directora Adriana Páramo e un convidado aínda por confirmar.

Os tres filmes que conforman o programa do terceiro GFF, teñen como nexo de unión que foron rodados e dirixidos por mulleres, polo que a “ollada” feminina está presente en todos eles. O filme Tralas Luces, narrado en primeira persoa pola matriarca Lourdes, relata a vida de acotío dunha familia de feirantes. Galicia Portobello Road, de Adriana Páramo, amosa a relación e conversa dunha nai e a súa filla sobre os plans de futuro para o seu restaurante londinense chamado Galicia, e Conversa cunha muller morta é a unha historia “onírica” onde unha muller, Elena volta de “entre as mortas” para ofrecerlle unha oportunidade de salvación a súa antiga parella e asasino.

Quen son as directoras?

Sandra Sánchez (Narón, 1970) Directora e montadora.

Estudou Realización Audiovisual na Escola de Imaxe e Son da Coruña, formando parte da primeira promoción da escola no ano 1991. A súa traxectoria como montadora é moi extensa, tanto en documentais e series de ficción, como en programas de televisión, curtametraxes e videocreacións  Dirixiu para TVG series de ficción como “112 Rescate (2002) e Rias Baixas (2003-2004). Entre os documentais salientan: “Buenos Aires, a fronteira sur dun soño”, e “Aguiño, sobrevivir al Prestige” (2003), emitido por varias canles nacionais e internacionais. A súa longa é “Tralas luces”, que acadou o Premio  á mellor dirección e fotografía nos Mestre Mateo no ano 2012.

Adriana Páramo (Vigo, 1985) Directora e realizadora.

Estuda Comunicación Audiovisual na Universidade de Compostela e posteriormente trasládase a Londres para cursar o Máster en Realización de Cine na prestixiosa London Film School (2010). O seu primeiro traballo, “Illa Pedra” acadou numerosos premios en festivais como Ourense Internacional Film Festival e Bragacine. En 2012 trasládase a Polonia para traballar como programadora cultural e realizadora na Fundacja Projekt: Kultura. O seu último traballo, “Galicia Portobello Road” (2015) vén de participar no Festival de Cans (O Porriño) e no Portobello Film Festival (Londres). Actualmente, traballa como produtora en ORAMA.TV, que combina coa súa labor na organización do Galicia Film Forum, do que é membro fundadora.

Sonia Méndez (Vigo 1980) Directora, realizadora, guionista e actriz

Conta cunha formación multidisciplinar. Estudou na Escola de Imaxe e Son da Coruña e no Céntre de Estudis Cinematográfics (Barcelona). Completa a súa formación na Escola Internacional de Cine e TV de Cuba. Posteriormente, cursa o Posgrao en Interpretación e Arte Dramático na Universidade de Santiago de Compostela. Coproduce, guioniza e interpreta a webserie “Angélica y Roberta” premiada co Mestre Mateo, entre outros festivais. Dirixe numerosas curtametraxes como: “Perversa Lola”, “Leo y Mario (se dejan)”, “As Damas Negras” e “Conversa cunha muller morta”, as dúas últimas galardoadas co Premio Mestre Mateo á Mellor curtametraxe. Como actriz, o seu último traballo foi “El sexo de los Ángeles”, dirixida por Xavier Villaverde. Actualmente dirixe o festival “Carballo Interplay” (primeiro festival de webseries en España) e xestiona o WOSINC (festival de contidos audiovisuais e musicais) en Santiago de Compostela.

Qué é o Galician Film Forum?

O GFF é unha iniciativa que xorde de xeito espontáneo a principios deste ano nun grupo de galegos e galegas emigrados en Londres cun grande interese pola cultura galega. O obxectivo do GFF é crear un espazo para a difusión do cine galego na capital británica.

A primeira edición do GFF celebrouse o 20 de marzo no King´s College onde se proxectou a longametraxe Encallados, de Alfonso Zarauza e as curtametraxes 1977’, dirixida por Peque Varela e ‘Curricán’ de Álvaro Gago. Tralo éxito acadado, convocouse unha segunda xornada.

A 2ª edición de cine galego en Londres tivo lugar o pasado 5 de xuño na London Film School. O programa incluíu a longametraxe N-VI, dirixida por Pela del Álamo, e dúas curtametraxes: AADAT, dirixida por Xisela Franco e Noe Rodriguez, e Pettring, dirixida por Eloy Domínguez.

O Galician Film Forum ten vocación de continuidade servindo baixo tres eixes ao cine galego: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cine e a cultura galega en termos universais.

iconmonstr-file-33-120

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*