Obter o premio do xurado no festival de Sundance e cun filme en galego non é pouca cousa. E iso foi precisamente o que conseguiu Álvaro Gago con Matria. Unha ficción cun intenso sabor a realidade na que se afonda na crúa verdade das mulleres traballadoras en Galicia.
O filme fala do día a día na vida de Ramona, que traballa nunha fábrica de conservas para despois voltar á casa e continuar traballando entre as catro paredes do seu fogar. Unha vida esgotadora na que as súas propias necesidades pasan a un segundo plano, na que os sorisos escasean pois o cansanzo é máis poderoso.
Ben é certo que, aínda que se trate da historia de Ramona, este filme ten carácter universal, pois ao fin e ao cabo narra a carga laboral e persoal que teñen mulleres de aquí e acolá sen importar o punto xeográfico no que cada mañá espertan co cansanzo do día anterior. Este é “un filme sobre unha heroina cotidiana defectuosa”, di Álvaro Gago. E leva razón, pois resulta inevitable non percibir esa forza sobrenatural para afrontar a rutina asfixiante. É un filme tan honesto que desgarra. Tan cotián que asusta.
E ti, sen darte de conta, acabas sendo arrastrada por esa marea de emocións. Sintes con ela e coas súas compañeiras. Parece que podes ulir o cheiro das conservas e a humidade da fábrica, que podes apalpar o texido dos seus uniformes e notar o peso das extremidades vencidas polo sobresforzo. Todo gracias a planos gravados tan de preto que ás veces que ata queres pedir perdón pola intromisión. E por se fora pouco, os diálogos e a case ausencia deles nalgúns momentos acaban por redondear esta historia tan normal e tan especial a un tempo.
En definitiva, este filme dalle voz a Ramona e con ela a todas esas mulleres que conforman a matria, a nosa matria.