O público do vindeiro Galician Film Forum vai ter a oportunidade de ver na pantalla grande o documental Mulleres da raia, dirixido por Diana Gonçalves. Esta mediometraxe recolle as historias de mulleres arraianas que se dedicaban ao contrabando de produtos de primeira necesidade durante as ditaduras de Franco e Salazar. Nesa época, a ausencia dos homes a ambos os dous lados da fronteira deixou as mulleres ao cargo dos fillos e das terras. Estas viúvas dos vivos atoparon no contrabando un xeito de paliar a miseria.
A obra de Gonçalves funciona como unha “homenaxe á loita silandeira das mulleres da fronteira”, pero tamén é a materialización dunha necesidade da súa directora: falar da súa pertenza ao territorio híbrido da fronteira e da contradición que supón sentirse preto e lonxe dos dous países ao mesmo tempo. Se queredes afondar neste traballo de Diana Gonçalves, recomendámosvos a extensa entrevista que lle fixo Ana Catarina Pereira e que podedes atopar completa nesta ligazón.
Mulleres da Raia foi estreada no 2009 e desde aquela xa percorreu boa parte de España e Portugal, ademais de Brasil e Londres, a onde agora regresa. Neste tempo acadou numerosos galardóns como un Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ao mellor documental (2009), o Premio Cine Minhoto do Festival Filminho (2009), o Premio da Prensa para o Mellor Film en Caminhos do Cinema Português (2009) e un accésit no Festival Internacional de Documental Etnográfico Espiello (2011).
Esperámosvos o venres 2 de decembro no King’s College para gozar da proxección deste documental e doutras curtas que imos ir desvelando axiña.
Mulleres da Raia (2009, 42 min). Produción, dirección e guión: Diana Gonçalves. Música orixinal e son: Miguel Barbosa. Montaxe: Miguel Barbosa e Diana Gonçalves. Fotografía e cámara: Diana Gonçalves. Grafismo: Luis Faraón.