GFF: programación 2021 1


Coma nas mellores pasarelas de moda, no GFF xa temos listo o avance de primavera-verán. Malia a pandemia, estamos moi contentos de poder artellar dous novos eventos, que seguirán a ser online mentres non volva a desexada normalidade, e que son posibles grazas ao patrocinio da Oficina para Asuntos Culturais e Científicos da Embaixada de España en Londres.

O primeiro deles vai coincidir coa celebración do Día das Letras Galegas. Entre o 15 e o 23 de maio imos proxectar na nosa canle de Vimeo Nación, o último filme de Margarita Ledo. A obra, que aínda se está a proxectar nos cines, mestura imaxes de arquivo e de ficción para narrar a loita das mulleres traballadoras da Pontesa en contra do peche da fábrica nos anos 90. Unha chamada á sororidade entre mulleres que gañou o premio á Mellor Dirección de Filme Español no Festival de Sevilla 2020 e o de mellor Documental nos Mestre Mateo 2021.

A proxección estará restrinxida ao Reino Unido e terá un prezo de £3.95. Imos ter tamén un coloquio en liña con Margarita Ledo, de balde e en aberto, así que estade atentos ás nosas redes para saber a data e a ligazón.

Uns meses máis tarde e para festexar o Día de Galicia proxectaremos dúas obras para reflexionar sobre a identidade e a migración. Entre o 12 ao 25 de xullo, poderedes gozar no noso Vimeo da longa Manoliño Nguema do alacantino Antonio Grunfeld, que segue ao actor Marcelo Ndog que chegou de Guinea Ecuatorial a Galicia nos anos 60 cunha bolsa artística para se formar na Cidade dos Muchachos. Tamén emitiremos a curta Mbemba en Sansa, de Luis Avilés, que conta como Mbemba saltou o valado de Ceuta e vive agora en San Sadurniño, deixando atrás unha realidade difícil. O aluguer polas dúas cintas será de £3.95 e haberá tamén coloquio online de balde cos directores.


Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Unha idea sobre “GFF: programación 2021