Estrea mundial en liña de ‘Eroski Paraíso’


A pandemia cancelou moitas cousas, entre elas, a proxección que tiñamos prevista en abril. Toca repensarnos en adaptarnos aos novos tempos así que voltamos cunha edición en liña os días 27, 28 e 29 de novembro.

Eses días todos os galegos e non galegos espallados polo mundo adiante ides poder gozar coa película ‘Eroski Paraíso’ na plataforma Vimeo On Demand. O aluguer custa 3.95€ e toda o recadado vai para o peto dos creadores do filme.

Coma sempre, ides atopar a peli en version orixinal con subtítulos en inglés. Desta volta non imos ter conversa no pub logo da proxección, pero estades convidados a enviarnos as vosas preguntas e comentarios para Patricia de Lorenzo, a actriz protagonista, e Jorge Coira, o codirector. Coas súas respostas imos montar un vídeo moi curriño.

Ah, este evento é para todo o mundo agás España porque alí podedes atopala en Filmin sempre que queirades 🙂

Sobre ‘Eroski Paraíso’

‘Eroski Paraíso’ naceu como unha obra de teatro creada pola compañía Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) que logo dunha xira de varios anos por España e de máis de 30.000 espectadores, Coira e Ron decidiron converter en longametraxe. Nela nárrase a historia de Álex (Cris Iglesias), unha nova cineasta que quere gravar un documental sobre os seus pais, Antonio (Miguel de Lira) e Eva (Patricia de Lorenzo), que se coñeceron no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros que, ao cabo dos anos foi convertida nun supermercado Eroski.

Título: Eroski Paraíso | Directores: Jorge Coira e Xesús Ron | Xénero: Comedia / Drama | Ano: 2019 | Duración: 75’

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*