Estamos moi felices de anunciar que este ano imos colaborar na oitava edición de Iberodocs, o Ibero-American Documentary Film Festival de Edimburgo. A nosa participación vaise materializar na sesión ‘A Spiritual Journey’, centrada na producción audiovisual dalgúns países da lusofonía.
Dentro desta sección, vaise estrear en Escocia a curtametraxe documental ‘Os corpos’ do galego Eloy Domínguez Serén. Este apartado aglutina outras tres curtas: ‘O que se não vê’ de Paulo Abreu, ‘Misericórdia’ de Xavier Marrades Orga e ‘Os mortos’ de Gonçalo Robalo. En palabras dos responsables de IberoDocs, ‘A Spiritual Journey’ é un convite para viaxar pola lusofonía e gozar “dunha experiencia cinematográfica, sensorial, espiritual e doutro mundo que vai máis aló da nosa realidade física, na procura do que non se ve e que se está a perder na era da dixitalización”.
A proxección, que será en liña, terá lugar o 22 de abril. Toda a info sobre os tickets e o acceso está na propia web. Alén diso, as nosas compañeiras Adriana Páramo e mais María Sabucedo terán unha pequena participación no Q&A programado que se emitirá en aberto.
Esta é a segunda vez que colaboramos con Iberodocs xa que en xuño do 2015 tivemos a sorte de proxectar ‘N-VI’ na London Film School grazas ao festival. Ademais desta sección, estades convidados a visitar a web de Iberodocs e curiosear no programa desta edición que vai ser totalmente en liña. Por certo, temos un anuncio moi curriño na páxina 20, por se tedes curiosidade.
ACTUALIZACIÓN | Aquí tedes o coloquio cos directores das curtas de ‘A Spiritual Journey’.