‘A Raia’, un reencontro vinte anos despois


O programa da V edición do Galician Film Forum complétase co documental A Raia de Iván Castiñeiras (Ourense, 1980). O director retrata a paisaxe da fronteira, unha zona montañosa de interior con climatoloxía extrema, a través da historia de Pepe O Xunto, un ourensán de Tameirón, e de Fernando Manuel, da aldea de Casares no Parque Natural de Montesinho. Ambos os dous traballaron xuntos case vinte anos e, tras a desaparición da fronteira, deixaron de verse.

A Raia recibiu a Mención Especial ‘Holds great promise for the future’ dentro da sección oficial do Edimburgh International Film Festival (2013). Ademais, proxectouse en DocLisboa (2012), L´Alternativa (2013), Cineuropa Santiago de Compostela (2013), Playdoc (2014), Eslovenia Isola Cinema Film Festival (2014) e no Festival Etnográfico de Belmonte, Beira-Baixa de Portugal (2015).

A obra de Castiñeiras caracterízase por se situar a medio camiño entre o documental e a ficción. Como director, adoita xogar coa linguaxe experimental e coas novas ferramentas tecnolóxicas na súa achega ao medio audiovisual. Unha boa proba disto é o seu último proxecto, Chemins battus, rodado no campo de refuxiados de Calais, e que consiste nunha obra audiovisual interactiva en forma de app.

Iván Castiñeiras (Ourense, 1980) posúe unha formación multidisciplinar en historia da arte, cinema, son e dirección que acadou en centros de España, Portugal e Francia. Entre o 2006 e o 2011 traballou como director de son e na posprodución de obras de ficción e documentais. Durante o tempo que viviu en Barcelona compaxinou a súa actividade freelance como director de fotografía e de son coa docencia na Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya (ESCAC) e na Escola Afilm. Actualmente está radicado en Tourcoing, Francia, onde segue a desenvolver a súa carreira artística en Le Fresnoy – Studio national des arts contemporains. No seu currículo como director figuran A Raia (2012), Où est la jungle? (2015) e a devandita Chemins battus (2016).

Fotograma de 'A Raia'

A Raia (2012, 29 min). Produtora: Os Filmes do Caracol | Produción: Iván Castiñeiras | Guión: Iván Castiñeiras | Fotografía: Jorge Quintela, Alberto Centeno, Iván Castiñeiras | Montaxe: Iván Castiñeiras | Son: Iván Castiñeiras, Miguel Cabral

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*