18 comidas, unha película diferente


O proceso de elaboración do filme de Jorge Coira comezou dunha forma diferente, digamos, pouco común na escena cinematográfica galega daquel momento, e completamente innovadora para o propio director.

Sen contar verdadeiramente cun guión rematado a priori, Coira involucrouse de cheo nun proxecto no que a metodoloxía de traballo de todo o equipo ía mudar considerablemente respecto á forma tradicional de facer cine. Os actores so coñecían  as liñas xerais do argumento, a cinta non tiña un guión estritamente escrito, as tramas estaban apuntadas e os conflitos formulados entre os personaxes, pero non había unha soa liña de diálogo. A historia estaba aínda por desenvolver, e como se dunha auténtica xuntanza galega se tratase, a improvisación e as tertulias de sobremesa fixeron o resto. Entre almorzos, xantares e ceas, naceu 18 comidas.

Cun presuposto limitado para facer publicidade do filme, o certo e que acadou unha boa opinión por parte do público dende o primeiro momento, e o fenómeno do boca en boca foi dabondo para que as novas sobre a longametraxe de Jorge Coira se difundiran rapidamente. Como o propio Coira dixo nunha entrevista por mor da crecente demanda, “A peli non saíu cun gran número de copias, pero van pedíndoa e non paran de repoñela, aínda que en principio os exhibidores eran escépticos, o certo é que o filme ía mudando cada semana cara salas máis grandes e non parou de funcionar”

18 comidas estendeuse por todo o país, e a súa popularidade tamén, case catro meses despois da estrea do filme, o equipo seguía sorprendido polo percorrido que levaba o seu traballo. 18 comidas chegou a estar ata 14 semanas en carteleira en distintos cines de Galiza e tamén no resto do Estado. O director afirmou no seu momento que o feito de rodala en galego converteuse nun valor de produción, e a presenza de Luis Tosar, actor consagrado máis aló da fronteira peninsular, foi un pulo para facer de 18 comidas un reclamo para o público fóra do país.

Luis Tosar e Jorge Coira

Luis Tosar traballou aquí como actor e tamén como produtor, e destacou o novo xeito de facer cine de Jorge Coira, partindo da improvisación como forma de guión -que algúns deron en chamar “o milagre de 18 comidas”- e non dun diálogo estrito. Como Tosar afirmou, “as tomas foron aproximadamente dunha hora, e nós os actores entrabamos, comezabamos a improvisar e o final estaba totalmente aberto, e dicir, tiñamos unhas premisas de partida pero non había nunca un obxectivo claro, iso era parte do xogo.”

Jorge Coira concibiu o filme como un proxecto distinto do feito ata o momento, filmouse en nove días, pero a montaxe durou oito meses. O director dixo que 18 comidas era o seu proxecto máis persoal, “un xogo cun grupo de actores dun enorme talento, cos que exploramos distintas maneiras de loitar por ser feliz. Distintas historias que se entrecruzan e enlazan a través das emocións.”

A cinta foi seleccionada en máis de trinta festivais de distintos países europeos e de Latinoamérica, e galardoada co premio ao mellor director no Festival Internacional de Taormina (Italia), Premio do público e premio especial do xurado no Festival Internacional de Ourense (OUFF), premio á mellor película en CineEsCena, Festival Internacional de Cine Gastronómico Ciudad de La Laguna e en Food Films/Douro Film Harvest (Portugal) e receptora de 7 premios Mestre Mateo da Academia Audiovisual Galega, incluídos mellor película, mellor director, mellor guión e mellor montaxe.

18 Comidas é, polo tanto, unha peza importante do panorama cinematográfico galego dos últimos anos e o proxecto máis innovador do director Jorge Coira. Un filme que, dende o Galician Film Forum, temos o pracer de presentar en Londres na nosa sétima edición, na que de novo contaremos coa colaboración do departamento de Spanish, Portuguese and Latin American Studies do King’s College. Esperamos que gocedes da gala e do filme. Non vos esquezades de reservar a data e tamén a vosa entrada. A cita terá lugar o día 10 de novembro a partir das 19 h no Edmond J Safra Theatre do King’s College (Strand, London, WC2R 2LS) e as entradas podedes reservalas nesta ligazón.

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*