Xabier Mera

De perfil sempre en evolución pero esencialmente músico, creador e facilitador de proxectos, este galego inquedo nado en Compostela no 1977 é graduado en Filoloxía Galega pola USC e formouse en teatro e música en Galicia, Italia, en Barcelona  no Taller de Músics e no Morley College en Londres.

Implicado en cultura e creación artística desde o ano 2000, foi director do festival de teatro de rúa D’Gorra en Compostela, do 2004 ao 2006. Nese ano funda en Galicia a produtora e compañía Pistacatro, onde traballou como xestor cultural, compositor, produtor de eventos, festivais, etc. e implementa un dos poucos espazos de formación circense de todo o estado español, a Escola Circonove. Como compositor e músico freelance leva tocando, gravando e compoñendo para audiovisual e teatro desde hai máis dunha década, tanto en España como no UK e fundou, entre outros proxectos, unha das bandas pioneiras do jazz manouche en Galicia, Aló Django.

No 2013 moveuse a Londres para continuar a súa traxectoria musical, colaborando en bandas de jazz, big bands e coros, e para formarse tamén en Film Scoring e en dirección de orquestra. Alí funda o GFF xunto con outros expatriados galegos, movido pola necesidade de crear iniciativas culturais e visibilizar o audiovisual galego na pérfida Albión.

De volta en Galicia, é agora director do coro de Estudio, escola de música, en Compostela, está implicado en proxectos sociais de autoxestión cultural e é o enlace satélite na casa do propio GFF.

Voltar a ‘Ponnos cara’