Harriet Cook

Harriet licenciouse pola Universidade de Cambridge no 2013 logo de cursar a carreira de Linguas Modernas e Medievais. Nos catro anos que estivo alí, especializouse no estudo das literaturas medievais, na representación do corpo en narrativas francesas de metamorfose e nas ambigüidades presentes na obra de Diego de San Pedro Cárcel de amor. Foi no seu terceiro ano cando tivo a ocasión de ir a Galicia por primeira vez. De estudante Erasmus na Universidade de Santiago de Compostela, namorouse da literatura, a lingua e cultura galegas. Grazas aos cursos da lingua galega organizados pola RAG, o ILG e a USC, comezou a aprender o galego e a usalo nos seus traballos. Fixo o seu máster en estudos medievais na mesma universidade e agora está a comezar o seu doutoramento no King’s College London, traballando coas cantigas medievais galego-portuguesas. Tamén traballa para unha startup en Cambridge que fai cursos de linguas.

Descubriu a existencia do Galician Film Forum en Londres por casualidade lendo un xornal galego en liña e incorporouse tras a primeira gala. Faille ilusión axudar a promocionar a cultura galega no seu país nativo, pero non lle quita a morriña e as ganas de estar en Santiago.

Voltar a ‘Ponnos cara’