Álvaro Gago

Gradúase en Comunicación Audiovisual e Piano antes de se mudar a Chicago, onde estuda actuación e dirección de teatro na North Park University. No 2009 trasládase a Londres e iníciase no cine nos Ealing Studios da Met Film School. Dous anos máis tarde pasa a formar parte do MA Filmmaking ofrecido pola London Film School.

Durante o seu paso pola escola, Álvaro edita o documentario Skin e a curta de ficción Lipstick. Ambas as dúas películas proxéctanse e gañan premios en varios festivais de cine de Europa e de América do Sur. No ano 2013 gradúase na LFS coa curta Curricán, gañadora do premio á mellor dirección no Curtocircuito International Short Film Festival e á mellor película no Festival de Cans e no Festival Primavera do Cine de Vigo. Curricán tamén se proxecta en festivais como Málaga ou o IBAFF, entre outros.

Actualmente, amais de traballar como editor freelance en Londres e Barcelona, está a preparar a produción da súa próxima curta de ficción Matria, que se rodará en Galicia en febreiro do 2017.

Voltar a ‘Ponnos cara’