A nova edición do Galician Film Forum estrea no Reino Unido ‘Os días afogados’


  • A estrea será este venres 24 de marzo, a partir das 19:30 horas, no King´s College de Londres e terá entrada gratuíta
  • Ao rematar a proxección haberá un coloquio por videoconferencia cos directores
  • Cristina Liz Graña, a montadora do documental, tamén estará presente no evento e responderá as preguntas do público
  • A película vaise proxectar en galego con subtítulos en inglés

Londres, 21 de marzo de 2017. A longametraxe documental Os días afogados vaise estrear no Reino Unido este venres, 24 de marzo, dentro da sexta edición do Galician Film Forum (GFF). O evento será na universidade King´s College de Londres [19:30 h, Strand Campus, sala Arthur and Paula Lucas Lecture Theatre (S-2.18), WC2R 2LS] e terá entrada gratuíta, mais cómpre reservala por adiantado nesta ligazón. Ao rematar a proxección haberá un coloquio a través de videoconferencia con César Souto Vilanova e Luís Avilés Baquero, directores da película. Ademais, a montadora do documental, Cristina Liz Graña, vai estar presente no evento e responderá as preguntas do público.

A película proxectarase en galego con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en ambas as dúas linguas. Toda a información sobre o evento pódese consultar na páxina web do GFF (galicianfilmforum.gal). Esta edición conta co apoio do King´s College da capital británica e da produtora Amanita Films.

Os días afogados é unha longametraxe documental que narra como a construción do encoro de Lindoso en Portugal asolagou para sempre as aldeas de Aceredo e Buscalque (Ourense, Galicia) en 1992. Conscientes de que ían ser expulsados e de que non poderían regresar ao lugar onde tiñan as súas raíces, algúns veciños filmaron parte da súa vida nesas aldeas desde mediados dos anos 60. A ese material engadíronse, a finais dos 80, as gravacións domésticas de Francisco Villalonga, centradas na vida de Aceredo.

A película de César Souto e Luís Avilés emprega este material doméstico e consegue conservar a memoria do que estaba a piques de desaparecer. Ao longo do documental, as imaxes do pasado fúndense coas gravadas na actualidade e que son un retrato da vida das persoas que se asentaron preto dos lugares dos que foron expulsados. Con todo, a pesar do uso do arquivo, non se trata dunha obra sobre o pasado, senón dunha lección de que, como di César Souto, “no fondo, o pasado non morreu, nin sequera pasou”.

Percorrido internacional

Os días afogados estréase en Londres tras o seu paso por numerosos festivais nacionais e internacionais. Entre os galardóns que recibiu figuran o premio á mellor película da competición latinoamericana do Festival Internacional de Documentais de Santiago de Chile (FIDOCS), Mellor Documental Nacional no XI MiradasDoc, e o Premio do público e o Premio Uptofest na 48 Edición de Alcances Festival Cinema Documental. Tamén foi recoñecido como o Mellor Documental nos XIV Premios Mestre Mateo e alzouse co Premio do Público na 11ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego.

Sobre os directores

Luís Avilés Baquero é realizador de programas como Criaturas e Casamos da Televisión de Galicia, ambos os dous líderes de audiencia nas súas respectivas franxas. É director das curtametraxes A subela (2003) e Unary (2015), gañador do Mestre Mateo á mellor curtametraxe e premio á mellor dirección no Festival de Arnedo. A súa primeira longametraxe de ficción, Retornos (2010), participou nos festivais de Montreal, Valladolid, Sao Paulo e León e gañou dous premios Mestre Mateo.

Pola súa banda, o xornalista César Souto Vilanova está vinculado profesionalmente á Televisión de Galicia desde 1998. A partir do ano 2006 especializouse na realización de reportaxes en profundidade sobre aspectos da actualidade política e social galega, española e internacional, primeiro no programa REC cámara e posteriormente no espazo Reporteiros. Os días afogados é a súa primeira incursión no xénero documental.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

 

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*