Hai trinta anos rodábase en Santoalla o que pasaría o que pasaría a considerarse o filme fundacional do cinema galego –Sempre Xonxa de Chano Piñeiro- nel, retrátase un elemento común á historia do noso pobo: a traxedia da emigración. Dez anos despois, unha parella de holandeses asentaríase nesta aldea ourensá descoñecendo por completo que lles tocaría vivir a traxedia ser emigrantes nunha terra na que o novo non sempre é ben recibido.
Santoalla é un filme documental estadounidense que ofrece unha interesante mirada dende fóra sobre múltiples temas: enfrontamento cultural, mentalidade pechada, abandono e illamento do rural pero sobre todo, o filme convida a preguntarnos cando podemos considerarnos parte dunha comunidade e onde está o noso fogar. Nel, o espazo/terra convértese nun protagonista máis da historia e actúa como elemento conformador de identidades contrapostas.
Formalmente destaca polo emprego de material de arquivo rodado polo propio Verfondern -o holandés que se convertería en protagonista involuntario dunha das páxinas de sucesos máis negras dos últimos anos- así como tamén dos medios galegos. O resultado final é un filme moi correcto, cun estilo a medio camiño entre o televisivo e o cinematográfico, no que destaca a fotografía das idílicas paisaxes galegas e uns protagonistas nos que o valor non só reside no que din, se non no que calan.
A decisión da proxección deste filme non foi doada, por tratarse dun filme rodado por dous estadounidenses ó redor dun sinistro suceso, sen embargo, Santoalla é moito máis que o relato dunha crónica negra. É a historia dun soño truncado, é a mirada que doe, é o abandono do rural e sobre todo, é a procura do fogar. Lingüisticamente -ó igual que no GFF- nel conviven o inglés e o galego e nel, están reflectidos dous modos distintos de ver o mundo – o do que chega de fóra e do que sempre estivo-. Santoalla constrúe dende o concreto unha historia universal e convértese nun incómodo retrato sociolóxico dunha Galiza en vías de extinción mais non extinta.