CANCELADO | UK premiere de ‘Eroski Paraíso’


ACTUALIZACIÓN

O evento queda cancelado por mor das medidas para conter a propagación do coronavirus. Estamos a traballar nunha nova data cando as circunstancias o permitan pero agora é o de menos. Toca coidar e coidarse.

______________________________________________________________

Como saberedes polas redes sociais, a vindeira edición do Galician Film Forum xa está en marcha. Ímola celebrar o venres 3 de abril e vai ser moi especial: a estrea no Reino Unido da película “Eroski Paraíso” de Jorge Coira e Xesús Ron. Ademais, logo da proxección imos ter connosco a Patricia de Lorenzo, que vén de acadar o Premio Mestre Mateo á Mellor Actriz Principal polo seu papel nesta película.

A proxección será no King’s College London, na Lucas Lecture Theatre, a partir das 7 da tarde. Coma sempre, o evento é gratuíto pero hai que reservar entrada nesta ligazón. Lembrade tamén que o evento será en galego con servizo de interpretación simultánea en inglés. A película tamén estará subtitulada en inglés.

Este evento conta co apoio do Department of Spanish, Portuguese & Latin American Studies de King’s College London. Grazas!

Sobre ‘Eroski Paraíso’

‘Eroski Paraíso’ naceu como unha obra de teatro creada pola compañía Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) que logo dunha xira de varios anos por España e de máis de 30.000 espectadores, Coira e Ron decidiron converter en longametraxe. Nela nárrase a historia de Álex (Cris Iglesias), unha nova cineasta que quere gravar un documental sobre os seus pais, Antonio (Miguel de Lira) e Eva (Patricia de Lorenzo), que se coñeceron no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros que, ao cabo dos anos foi convertida nun supermercado Eroski.

Título: Eroski Paraíso | Directores: Jorge Coira e Xesús Ron | País: Galicia | Xénero: Comedia / Drama | Ano: 2019 | Duración: 75’

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*