A Raia imaxinaria, a fronteira entre dúas realidades 1


Raia é o que comunmente se coñece como a fronteira entre Galicia e Portugal. Considérase unha das fronteiras máis antigas de Europa e ten un percorrido de 250 quilómetros de lonxitude. Verín e Tui foron as dúas principais portas entre Galicia e Portugal; do outro lado estaban Valença e Chaves. Este territorio acadou especial importancia durante os anos da posguerra, cando o contrabando foi o medio de vida de moitos galegos arraianos.

Para facer un pouco de historia, non foi ata o ano 1864 cando o Tratado de Límites entre España e Portugal (ou Tratado de Lisboa) estableceu a delimitación territorial para cada país. Este Tratado era revisado cada ano nun encontro entre os 17 alcaldes ourensáns e os 7 portugueses que conformaban a “liña imaxinaria” do bordo entre Galicia e Portugal. Algunhas vilas situadas na liña, como Souteliño da Raia (pertencente a Galicia) e Cambedo ou Lamardarcos (na beira portuguesa) quedaron divididas por esa “raia imaxinaria” e poboadas por unha mestura de falantes de ambos os dous países.

Pouca xente sabe da existencia dun concello que actuou á marxe do Tratado e que non se adheriu nin a Galicia nin a Portugal ata comezos do século XX: o Couto Mixto. Este misterioso territorio, do que moitos fregueses aínda falan, pasouse a denominar Calvos de Randín e pertence á provincia de Ourense. Chamado comunmente “O Pais dos Mixtos”, gozaba de moitos privilexios, xa que non pagaba impostos, o comercio era libre (ausencia de aduanas) e non había servizo militar. O programa Desde Galicia para el mundo documenta a historia deste misterioso lugar, recollendo testemuños dos habitantes e recompilando datos históricos da época.

O intercambio lingüístico entre os dous países saliéntase en diversos estudos e teses. Un dos máis recentes, feito polo Consello da Cultura Galega e publicado no ano 2013, é Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa. O estudo fala dunha “especificidade e variedade lingüística” dos habitantes de 21 localidades situadas nos concellos ourensáns de Lobios, Muíños, Calvos de Randín, Baltar, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Verín e Vilardevós.

As fronteiras amósanse coma liñas divisorias, pero debemos contemplalas como espazos de sinerxía, convivencia e intercambio cultural. Espazos onde se crea unha cultura con trazos comúns dos dous lugares. Hoxe aínda persisten trazos das linguas nun lado e noutro, que cohabitan de xeito natural. Porque Portugal e Galicia non deixan de estar separadas por unha raia imaxinaria.

O Miño, a outra raia, pero húmida, que hai entre Galicia e Portugal [Foto: Mimiá]

O Miño, a outra raia, pero húmida, que hai entre Galicia e Portugal [Foto: Mimiá]


Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

Unha idea sobre “A Raia imaxinaria, a fronteira entre dúas realidades

  • xose lois rúa

    penso que tamén se poderían incluir nesta variedade lingüística específica, algunhas localidades do concello de Castrelo do Val, situadas nas terras altas, como Campobecerros. Da fala que me ensinou miña nai, e que trato de recuperar, topei, alomenos, un cento de palabras que nunca oín fóra desa zona, e que non figuran nos diccionarios de Galego, pero si dos lusos tipo Estravíz, anque con algunha variante. Miña nai ten agora 97 anos, a metade fóra de Galiza, pero mantivo a nosa fala, en todo tempo, lugar e circunstancia. A arca segue aberta para que eu conserve esas cen palabras específicas, raiotas, dese idioma común, que estou incorporando ás miñas cativeces poéticas. Con moito orgullo, consciente da dignidade deste tesouro lingüístico, seriamente ameazado.