Nace o ‘Galician Film Forum’ en Londres e comezará coa proxección de Encallados, de Alfonso Zarauza


A iniciativa parte dun grupo de galegos e galegas emigradas a Inglaterra

Londres, 18 de febreiro do 2015. O Galician Film Forum (GFF) anuncia a celebración da primeira xornada de cine galego en Londres para o vindeiro venres 20 de marzo. Terá lugar ás 6.30pm da tarde na prestixiosa universidade King’s College London (ver mapa).

O evento consistirá na proxección dunha longametraxe gravada en Galicia xunto con dúas curtas feitas por cineastas galegos que residen en Inglaterra. Os títulos escollidos son ‘Encallados’, do director d’Os Fenómenos Alfonso Zarauza, ‘Curricán’, curta dirixida polo vigués Álvaro Gago, e ‘1977’, da animadora ferrolá Peque Varela.

Despois da proxección teremos a oportunidade de falar cos directores. Alfonso Zarauza e o elenco de actores participarán desde Galicia vía videochamada, mentres que tanto Álvaro Gago como Peque Varela estarán presentes na sala para un coloquio co público.

O GFF conta coa colaboración do Departamento de Estudos Españois, Portugueses e Latinoamericanos do King’s College London e coa participación de Belén Vidal, profesora de ‘Film Studies’ na mesma universidade.

Que é o Galician Film Forum?

O GFF é unha iniciativa que comeza a tomar forma a principios deste ano por un grupo de galegos e galegas emigrados en Londres cun grande interese pola cultura galega. O obxectivo do GFF é crear un espazo para a difusión do cine galego na capital británica.

A proposta nace espontaneamente a raíz dun foro aberto no grupo de Facebook, Galegos Morriñentos en Londres, un dos referentes online para a comunidade galega na cidade.

GFF ten vocación de continuidade e de servir baixo tres eixos ao cine galego: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cine e a cultura galega en termos universais.

Quen son os directores?

Alfonso Zarauza (Compostela, 1973), guionista e director. Comezou facendo curtas a mediados dos 90 con títulos como ‘Hai que foderse’ (1994), ‘A danza de Katiuska’ (1998) ou ‘Touro’ (2002). En 2008 estreou a súa primeira longametraxe, ‘A noite que deixou de chover’, premiada ao mellor guión en proxecto durante o LALIFF 06 (Los Angeles Latino International Film Festival). Recentemente dirixiu dúas cintas, Encallados e Os Fenómenos, esta última protagonizada por Lola Dueñas e Luís tosar, e que continúa a protagonizar as carteleiras dos cines galegos.

Álvaro Gago (Vigo, 1986), director e montador. Vive en Londres desde 2009, cando veu para completar un Máster en Filmmaking na London Film School. ‘Curricán’ é a súa primeira curtametraxe, galardoada co premio CREA á mellor dirección no Festival Internacional Curtocircuito.

Peque Varela (Ferrol, 1977), directora e animadora. Radicada en Londres e graduada pola National Film and Television School. A súa produción inclúe vídeos comerciais, curtas e animacións. O GFF proxectará ‘1977’, a cal recibiu 15 premios internacionais e estivo seleccionada en festivais de prestixio internacional coma o Sundance (Utah, EEUU) ou Clermont-Ferrand Short Film Festival (Francia).

iconmonstr-file-33-120

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*