- A curta forma parte da sección ‘A Spiritual Journey’, centrada no audiovisual lusófono
- ‘Os corpos estará dispoñible durante 48 horas a partir do xoves 22 de abril nos territorios de Reino Unido e Irlanda
Londres, 21 de abril do 2021. O Galician Film Forum (GFF) de Londres colabora este ano na oitava edición de IberoDocs, o Ibero-American Documentary Film Festival de Edimburgo. Froito desta sinerxia, o veterano encontro audiovisual e o GFF estrean en Escocia a curtametraxe documental ‘Os corpos’ do galego Eloy Domínguez Serén. A proxección, que será en liña, terá lugar este xoves, 22 de abril, dentro da sección ‘A Spiritual Journey’.
Este apartado aglutina outras tres curtas alén da devandita ‘Os corpos’: ‘O que se não vê’ de Paulo Abreu, ‘Misericórdia’ de Xavier Marrades Orga e ‘Os mortos’ de Gonçalo Robalo. En palabras dos responsables de IberoDocs, ‘A Spiritual Journey’ é un convite para viaxar pola lusofonía e gozar “dunha experiencia cinematográfica, sensorial, espiritual e doutro mundo que vai máis aló da nosa realidade física, na procura do que non se ve e que se está a perder na era da dixitalización”.
Como complemento á proxección, a partir das 19:20 horas (horario do Reino Unido), haberá un coloquio cos directores das curtas que estará coordinado polo programador Mon Rivas e que se retransmitirá en aberto pola canle de YouTube e pola páxina de Facebook de IberoDocs.
Por mor da pandemia, o IberoDocs deste ano estase a celebrar integramente en liña e os seus contidos só serán accesibles dentro do Reino Unido e Irlanda. O festival comezou a súa programación o pasado 19 de abril e vaina prolongar ata o 2 de maio. Toda a información sobre o programa de IberoDocs así como sobre a merca de entradas atópase na web www.iberodocs.org.
De Ourense ao mundo
‘Os corpos’ é unha vibrante curta sobre o entroido de Ourense rodada a finais de febreiro do 2020, dez días antes do primeiro caso confirmado de Covid-19 en Galicia. Con esta estrea escocesa, ‘Os corpos’ engade unha nova parada ao seu percorrido internacional. A curta de Eloy Domínguez xa pasou por Holanda (IDFA), Francia (Clermont-Ferrand), Arxentina (Bafici), Corea do Sur (Jenjou IFF), Estados Unidos (True / False), Suecia (Tempo) e mais varios festivais de España (Huesca IFF, D’A Film e FIC Xixón).
Eloy Domínguez Serén naceu en Simes (Pontevedra) no ano 1985 e estudou en Salamanca, Milán e Barcelona. Na súa filmografía figuran Pettring, I den nya himlen (No novo céio), Jet Lag, Ingen ko på isen (No cow on the ice), Den gula tegelvägen (Yellow brick road), Hamada e Distancia de seguridade. Na actualidade prepara a curtametraxe Rompente.