- O filme exhíbese na capital británica tras o seu recente paso polo Festival Internacional de Cine de Almería, no que se alzou con tres premios
- A cita será este venres 30 de novembro, a partir das 19 horas, no King´s College de Londres con entrada gratuíta
- Ao rematar a proxección haberá un coloquio por videoconferencia con Lucía Catoira Pan, responsable de fotografía da película
Londres, 28 de novembro do 2018. A película Dhogs, ópera prima do lugués Andrés Goteira, protagonizará a novena edición do Galician Film Forum (GFF) que se vai celebrar este venres, 30 de novembro, na universidade King´s College de Londres [19 h, Strand Campus, Edmond J Safra Theatre WC2R 2LS]. Tras a proxección haberá un coloquio a través de videoconferencia con Lucía Catoira Pan, directora de fotografía da película.
A cinta proxectarase en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e en galego. A entrada do evento é gratuíta pero hai que reservala con antelación nesta ligazón. Esta edición do GFF conta de novo co apoio do departamento de Spanish, Portuguese and Latin American Studies do King´s College London.
Dhogs é unha película con estrutura de crebacabezas na que se esvaecen os límites entre a realidade e a ficción. O que comeza coma unha fugaz aventura sexual entre descoñecidos desemboca nunha espiral de violencia sen sentido, cunha factura que deixa entrever as influencias de David Lynch, Léos Carax ou Jim Jarmusch, e mesmo referencias literarias de Murakami ou Bukowski. O resultado final é unha proposta arriscada e provocativa, non só no panorama audiovisual galego, senón tamén no nacional, que foi recoñecida con múltiples premios.
De feito, Dhogs chega a Londres tras o seu recente paso polo Festival Internacional de Cine de Almería, onde se coroou como a gran triunfadora logo de se alzar con tres dos galardóns do Certame ‘Ópera Prima’: mellor interpretación masculina para Carlos Blanco, mellor dirección e segunda mellor película. Estes premios súmanse aos que xa atesoura a obra desde a súa estrea no 2017 e que se contan por ducias. Foi, por exemplo, a película máis galardoada dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, nos que acadou 13 premios das 17 categorías existentes, ou o primeiro filme galego que se exhibiu na sección oficial do Festival de Sitges, onde Goteira foi recoñecido como Best Promising Director.
Outros recoñecementos obtidos por Dhogs son o premio á Mellor Longametraxe do Festival Split de Croacia; o Premio Paul Naschy á Mellor Película e o Premio á Mellor Interpretación Masculina para Carlos Blanco no Festival Nocturna de Madrid; o Místico de Ouro á Mellor Película de Alxeciras Fantástika; o Premio da Crítica do Brussels International Fantastic Film Festival; o premio Mellor Longametraxe Panorama Fantástico do FANT Bilbao ou o galardón Mellor Director do San Cugat Fantàstic.
Esta é a primeira película de Andrés Goteira (Meira, Lugo, 1983), un enxeñeiro técnico de telecomunicacións, deseñador e cineasta que tras realizar varias curtametraxes non profesionais, embarcouse na dirección de Dhogs, da que tamén é guionista. Na actualidade, o director lugués está a traballar nun documental e no que será a súa segunda película, un thriller que dará continuidade a Dhogs e que por agora ten o título provisional de Starmucks. Á hora de crear, gústalle xogar con xiros narrativos e diferentes puntos de vista.