Galician Film Forum proxecta ’18 comidas’ no King´s College de Londres


  • A cita será o venres 10 de novembro, a partir das 19 horas, no King´s College de Londres e terá entrada gratuíta
  • Ao rematar a proxección haberá un coloquio por videoconferencia con Jorge Coira, director da película, e con Araceli Gonda, coguionista
  • 18 comidas é unha das películas con máis público e máis premiadas do recente cinema galego

Londres, 7 de novembro do 2017. A sétima edición do Galician Film Forum (GFF) acollerá o venres 10 de novembro a proxección de 18 comidas, dirixida por Jorge Coira. O evento será na universidade King´s College de Londres [19h, Strand Campus, Edmond J Safra Theatre WC2R 2LS] e terá entrada gratuíta, pero cómpre reservala con antelación nesta ligazón. Tras a proxección haberá un coloquio a través de videoconferencia con Jorge Coira e con Araceli Gonda, coguionista.

O filme vaise proxectar en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro vai ser en inglés e galego. Toda a información sobre o evento pode consultarse na páxina web do GFF . Esta nova edición do GFF volve contar co apoio do departamento de Spanish, Portuguese and Latin American Studies do King´s College da capital británica.

18 comidas é unha película coral na que se contan seis historias entrelazadas que transcorren nun só día en Santiago de Compostela e sempre arredor dunha mesa. Os 24 personaxes do filme protagonizan almorzos, xantares e ceas que basculan entre a comedia e o drama e que se ensamblan para construír un mosaico vital e gastronómico sobre a busca da felicidade.

Os actores do elenco enfrontáronse ao reto de rodar sen un guión ao uso, sabendo só o esbozo da trama e o perfil dos seus personaxes e deixando o resto á improvisación. Filmada cun orzamento de apenas medio millón de euros e en tan só nove días, o traballo da montaxe requiriu uns oito meses que cristalizaron no que Coira describe como o seu “traballo máis persoal” e que experimentou un inesperado éxito de público para unha película destas características.

O filme mantívose varios meses en carteleira en cines de toda España e tivo a maiores un intenso percorrido internacional nunha trintena de festivais de Francia, EEUU, México, Colombia, Italia, Finlandia, Portugal, Rusia, Serbia, Macedonia, Inglaterra, Irlanda, Australia, Nova Zelandia, etc.

Esta boa acollida reflectiuse nos galardóns que recibiu fóra das nosas fronteiras e entre os que figuran o Premio ao Mellor Director no Festival Internacional de Taormina (Italia), o Premio Especial do Xurado na 15ª Biennale du Cinèma Espagnol de Annecy (Francia) e o Premio á Mellor Película no Festival Douro Film Harvest (Portugal). En España, 18 comidas recibiu o Premio á Mellor Película e o Premio do Público de CineEsCena Festival Internacional de Cinema Gastronómico Ciudad de La Laguna, o Premio Especial do Xurado e o Premio do Público de OUFF Festival Internacional de Cinema de Ourense, amais de sete Premios Mestre Mateo, os galardóns galegos do audiovisual.

Sobre Jorge Coira

De formación principalmente autodidacta, Jorge Coira comezou a súa carreira profesional a finais dos 90. Logo de realizar varias curtametraxes, estreou no 2004 a súa primeira longametraxe, O ano da carracha, e a finais do 2010 chegaría a súa segunda película, 18 comidas. En paralelo, desenvolveu unha intensa actividade en televisión, onde participou en series da televisión galega como Terra de Miranda, As leis de Celavella, Padre Casares e Luci, e mais en series de ámbito nacional, entre as que salientan El comisario, RIS, Pelotas ou Sé quién eres. Na súa filmografía tamén se atopan documentais como Torre de Breoghán, ¿Qué culpa tiene el tomate? ou Días de reparto. No 2016 gañou o Goya á Mellor Montaxe polo seu traballo en El desconocido, de Dani de la Torre.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido, e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

 

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*