Unha ópera prima abraiante


Dhogs é sorprendente. Andrés Goteira, director e guionista, parecía ter moi claras as imaxes e a historia e deu creado unha película que non parece unha ópera prima. É doado atopar influencias e homenaxes claras, pero trátase dunha obra cunha personalidade incuestionable.

Tendo en conta a variedade de localizacións, que inclúen vilas galegas como Meira, Viveiro, A Coruña, Oleiros e mesmo o deserto de Tabernas, en Almería, entre outras, e a participación de actrices e actores de primeira fila, chama a atención o axustado do orzamento, duns 130.000 €. Estes cartos obtivéronse a través do micromecenado -que comezou bastante antes da rodaxe en plataformas crowdfunding-, de patrocinadores privados e de subvencións, algunha delas chegadas no momento preciso. Acadar na Galiza participación e capital cun guión tan atípico coma este revela que non só hai talento, senón tamén conciencia e confianza no valor, no esforzo e nas aptitudes da xente do país.

Dhogs destaca ademais por unhas actuacións brillantes do elenco e mais do equipo de detrás das cámaras, que levaron a que fose a obra máis galardoada da historia dos Premios Mestre Mateo, nos que obtivo 13 premios das 17 nominacións recibidas. Levou tamén o premio ao mellor filme no Filmfest de Split no 2017, dous premios no Nocturna Madrid 2017, o Premio da Crítica no BIFFF de Bruxelas 2018 e o premio á mellor longametraxe no Panorama Fantástico do FANT de Bilbao 2018. Ten tamén o mérito de ser a primeira película rodada en galego en competir na Sección Oficial do Festival de Sitges, amais de se proxectar no Frigh Fest de Londres no 2017 e tamén no Festival internacional de Cine Independente de Bos Aires (BACIFI) na sección Vangarda e Xénero.

A película bota a andar coa derriba da “cuarta parede”, cun taxista na quenda de noite, cun home de viaxe de negocios e cunha muller tomando unha copa no bar dun hotel. Baixo a sensación de control chega o impredicible, o violento, e as dúbidas sobre a realidade. Seremos testemuñas dunha óptica tripla: veremos o espectáculo, os espectadores, o criminal e a vítima. É unha historia de violencia, depredación, medo e repudio á liberdade, que se vertebra arredor da vítima. Goteira amosa todo isto sen filtros, con crueza.

O título é un xogo de palabras cos termos ingleses “dogs” e “hogs”, referidos á submisión e ao animal salvaxe. O director é quen de incomodar e de provocar que nos cuestionemos a que categoría pertencemos, que tipo de animal somos, canta deshumanización e violencia damos aturado, se damos reaccionado e, de reaccionarmos, que fariamos. Porque, independentemente do lugar, a violencia, a misoxinia e a pasividade son problemas universais. Dhogs deixa un pouso profundo, incómodo e perturbador que hai que dixerir. Está claro que este filme de Andrés Goteira demostra que o panorama cultural e cinematográfico galego está moi vivo, que innova e que é capaz de facelo de forma sólida e con calidade.


Dhogs vaise proxectar o venres 30 de novembro, ás 19 h, no King’s College London (Strand, London, WC2R 2LS). As entradas gratuítas pódense reservar nesta ligazón. O filme non é recomendable para menores de 18 anos. Esta actividade conta coa colaboración do departamento de Spanish, Portuguese and Latin American Studies do King´s College London

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*