Curtas para todos os gustos


Xa non queda nada para a vindeira gala do Galician Film Forum, a Shorts Edition, que terá lugar o venres 22 de novembro a partir das 19 horas no King’s College London. Unha gala na que proxectaremos algunhas das curtametraxes que no ultimo ano levan un gran percorrido por festivais internacionais e na que teremos a oportunidade de intercambiar impresións con Sandra Sánchez, directora de A nena azul. Velaquí un petisco de cada unha das elixidas:

Marusía, dirixida por Pedro Sancho

Juan e Pedro xa non teñen nada que perder. Están nun dos peores momentos das súas vidas, fartos do mundo que lles rodea e do sistema que os arrastra ao fracaso. Visto o panorama, deciden dar o golpe e voar polos aires o barco máis famoso do seu barrio, o que culmina a rotonda máis concorrida.

Son unha tumba, dirixida por Khris Cembe

Unha poboación da costa galega nos tempos do contrabando do tabaco. Ese é o lugar onde acontece a historia que narra esta curtametraxe de animación e que ten en vilo ao seu protagonista: un neno que presencia un crime. O medo apoderarase del e da súa imaxinación.

Limbo, dirixida por Dani Viqueira

Peza audiovisual do xénero terror que se somerxe de cheo nunha realidade do máis desacougante. Unha realidade marcada pola violencia de xénero. É a vida de Xosé, que incapaz de aceptar os cambios que están a acontecer no seu entorno, déixase caer nunha espiral de autodestrución.

O neno bonito, dirixida por Fran X. Rodríguez

Esta curta de comedia negra aborda o concepto de legado. Andrés, o protagonista desta historia e coleccionista obsesivo de obxectos de todo tipo, toparase de fronte con esta reflexión. Somos o que temos ou somos a pegada que deixamos no mundo?

A nena azul, dirixida por Sandra Sánchez

Unha praia solitaria. Vento. Frío. Unha cativa que fuxe da escola e busca refuxio nese lugar, onde se atopará con outra nena coa que manterá breves conversas e moitos intercambios de miradas e sorrisos.

Agardámosvos na Shorts Edition!

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*