A cuarta edición do Galician Film Forum estará dedicada ao cinema de animación


  • O Apóstolo e Historia cerebro vanse proxectar gratuitamente o venres 13 de maio no King´s College de Londres
  • Fernando Cortizo, responsable do Apóstolo, participará a través de videoconferencia
  • Borja Santomé, director de Historia cerebro, intervirá no coloquio posterior as proxeccións

Londres, 9 de maio do 2016. O cinema de animación é o fío condutor da nova edición do Galician Film Forum (GFF)  que terá lugar o vindeiro venres 13 de maio na universidade King´s College de Londres [19 h, Strand Room S -2.08, London, WC2R 2LS]. O encontro, que se desenvolverá baixo o título de Animated edition, proxectará a longametraxe O Apóstolo, de Fernando Cortizo, que intervendrá a través de videoconferencia, e a curta Historia cerebro, de Borja Santomé, que actualmente reside en Londres e participará no coloquio posterior.

Do mesmo xeito que nas edicións previas, as obras proxectaranse en galego con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase nas dúas linguas. A entrada é gratuíta pero cómpre  reservala con antelación vía web. Toda a información pódese consultar na páxina de Facebook do evento.

O Apóstolo é o froito dun ambicioso proxecto de Artefacto Producións que supuxo cinco anos de traballo e que se materializou na primeira película de animación stop motion de Europa realizada mediante produción estereoscópica. Para facela realidade precisouse da implicación de máis de dous centenares de profesionais do mundo da animación e o modelado 3D. Ademais, outra das súas peculiaridades radica no novo sistema de rodaxe empregado xa que os actores protagonistas non só lles cederon a súa voz aos personaxes da historia, senón que interpretaron previamente as escenas para inspirar cos seus movementos e expresións reais aos animadores.

Este traballo viuse recompensado con galardóns como o Premio do público no festival de ANNECY 2013, o Primeiro Premio do Festival Expotoons de Buenos Aires ou o Grand Prix do Festival Cinehorizontes de Marsella. Outros recoñecementos foron o Premio Especial do Xurado en Fantasporto, o Premio á Mellor Banda Sonora ou o Premio do Público na Mostra de Lisboa, entre outros.

Pola súa banda, Historia cerebro é a ópera prima do vigués Borja Santomé e consiste nunha animación artesá en 2D, pintada con acuarelas, que en 2015 recibiu o 2º Premio Novos Valores da Deputación de Pontevedra. A través do uso dun debuxo sucio e negro, próximo ao expresionismo, os personaxes anónimos de Historia cerebro constrúen unha atmosfera chea de descontrol e violencia onde palpitan as emocións dos seus protagonistas.

Actualmente, Santomé prosegue os seus estudos de belas artes en Londres e compaxina o cinema co debuxo e a pintura. A súa segunda curtametraxe, Rueda cabeza, tamén é de animación e vén de ser seleccionada para competir na sección oficial do Festival de Cans deste ano.

Sobre el GFF

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

iconmonstr-file-33-120

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*