Aceredo, a memoria mergullada


Cando Francisco Villalonga empezou a gravar a vida cotiá en Aceredo a finais dos 80, xa sabía que a aldea tiña os días contados. En forma de longametraxe documental, Os días afogados narra como a comezos dos 90 a construción do encoro de Lindoso en Portugal tivo como consecuencia asolagar as aldeas de Aceredo e Buscalque (Ourense, Galicia). Esta película de César Souto e Luís Avilés trata un tema que ás veces non nos gusta ver, pois mediante o uso de material de arquivo e gravacións domésticas, a montadora Cristina Liz Graña non só dá amosado o pasado, senón que tamén o volve presente.

O caso da construción do encoro de Lindoso en territorio portugués en 1992 é un tema delicado e controvertido. Non era a primeira vez que unha vila era condenada a desaparecer por mor da construción dunha obra deste tipo, pois iso xa pasara nas localidades de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, onde houbera protestas veciñais. No caso de Aceredo a implicación dos habitantes, indignados e amolados pola probabilidade de perderen os seus fogares, provocou unha gran mobilización da veciñanza na súa loita contra os mecanismos usados polo poder.

Aínda que dende fóra se poida ver coma un beneficio para todas as partes, por mor da creación de postos de traballo e da compensación económica para os seus habitantes, cómpre ter en conta as consecuencias a nivel persoal. Daquela, a gran maioría da comunidade de Aceredo rebelouse contra a toma desta decisión, para a que non foran consultados, e que tiña como consecuencia non só a perda das súas terras e fogares, senón tamén a falta de alternativa para comezar unha nova vida nalgún lugar descoñecido para eles. A súa loita estendeuse alén das meras protestas ante os medios, e algúns dos veciños chegaron a pecharse no concello. Finalmente, como adoita pasar nestes casos, os seus esforzos foron inútiles e a compañía hidroeléctrica saíu gañando. Aceredo quedou totalmente mergullado baixo as augas o 8 de xaneiro de 1992.

No 2012, vinte anos despois da súa construción, a historia dos veciños estivo no punto de mira de novo pola sorprendente saída á superficie da aldea de Aceredo tras unha baixada de caudal causada pola ausencia de precipitacións. Este suceso, que disparou temporalmente as alarmas no concello de Lobios, permitiulles aos antigos habitantes observar a insólita imaxe do que noutrora foran as súas casas, espertando de novo o seu sentimento de morriña e reabrindo vellas feridas.

A fortaleza e dignidade dos habitantes de Aceredo, que durante anos se enfrontaron ao poder no seu intento de preservar o seu lar, son dignos de admiración e engádenlle forza a esta peza audiovisual. En definitiva, esta película documental, máis aló do seu carácter íntimo, logra conservar a memoria de algo que, de non ser así, estaría condenado a desaparecer no tempo, presente só nas lembranzas dos veciños.

Un fotograma do documental “Os días afogados”

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*