A segunda edición do galician Film Forum presenta en Londres o documental N-VI de pela del Álamo


O vindeiro evento do Galician Film Forum xorde da colaboración con Iberodocs, festival de cine documental iberoamericano de Escocia.

Londres, 20 de maio do 2015. O Galician Film Forum (GFF) celebrará a segunda xornada de cine galego en Londres o venres 5 de xuño na prestixiosa escola de cine London Film School (ver mapa) a partir das seis e media da tarde. O evento consistirá na proxección de tres documentais dirixidos por cineastas galegos: a longametraxe N-VI de Pela del Álamo e as curtas AADAT, dirixida por Xisela Franco e Noe Rodríguez, e Pettring de Eloy D. Serén. Despois dos filmes terá lugar un coloquio no que contarán coa presenza do director Pela del Álamo, acompañado por unha figura da industria documental británica aínda por confirmar.

A segunda edición do GFF é unha colaboración con Iberodocs, o festival de documental iberoamericano que ten lugar entre o 14 e o 24 de maio en Edimburgo e Glasgow. O programa está composto por producións en portugués e castelán, ademais dunha lista de títulos galegos recollidos no bloque bautizado ‘Focus on Galicia’. Entre eles destacan os documentais presentados na segunda edición do GFF.

Os tres documentais que conforman o programa do segundo GFF foron rodados por cineastas galegos fóra de Galicia, xa fora por interese ou circunstancias persoais. N-VI percorre a vella estrada que unía Galicia con Madrid para descubrirnos as vidas e persoas que ficaron atrás. Pettring é o diario filmado por Serén durante a súa experiencia como emigrante en Suecia. AADAT é un retrato visual dun campo de refuxiados no Sahara.

Algúns destes filmes foron encadrados no Novo Cinema Galego, movemento cinematográfico que está a ter gran difusión internacional dende a presenza de Todos vós sodes capitáns, filme de Óliver Laxe, no Festival de Cannes.

Quen son os directores?

Pela del Álamo (Madrid, 1979) Produtor e realizador.

É licenciado en Comunicación Audiovisual e Máster en Documental de Creación pola Universitat Pompeu-Fabra. Dende 2001 ten traballado en publicidade, televisión e ficción. No 2005 crea Diplodocus Producións, co obxectivo de desenvolver os seus proxectos persoais no ámbito do documental. Dous anos despois comeza o longo proceso de produción da longametraxe N-VI, que estreará no 2012. Con este filme consegue recoñecemento no Festival de Málaga, Márgenes, MiradasDoc e Alcances e está presente tamén na Seminci, Cinespaña, Lima Independiente e  DocumentaMadrid.

Xisela Franco (Vigo, 1978) Cineasta e investigadora.

É licenciada en Comunicación Audiovisual e Humanidades. No 2003 funda xunto a Noé Rodríguez Epojé Films e con esta produtora guionizan e dirixen documentais para televisión.  No 2006 estuda en Canadá un máster onde profundiza na teoría e práctica documental. De volta en Vigo, doutórase en Belas Artes cunha tese arredor do cine-museo. Ten dirixido máis dunha vintena de documentais e pezas experimentais. Codirixe en 2004, con Noe Rodríguez, AADAT. Este documental foi premiado no festival de videoarte de Vitoria-Gasteiz e seleccionado na European Short Film Biennale de Alemania e Images Festival de Toronto.

Noé Rodríguez

Noé Rodríguez empezou a súa actividade profesional hai máis de 15 anos. Fundou xunto a Xisela Franco a produtora Epojé Films. A través dela coproduciu e codirixiu AADAT, documental etnográfico que tivo gran acollida en festivais internacionais. Deseguido, obtivo a bolsa de Caixa-Canada e mudouse a Toronto para estudar produción de cine na Universidade de York. Na actualidade reside nesa cidade e participa activamente na comunidade de cinema experimental.

Eloy D. Serén (Simes, 1985). Cineasta.

Estuda Ciencias da Comunicación en Salamanca, Milán e Barcelona, onde a continuación realiza un Máster en teoría e práctica do documental creativo. Antes de comezar a súa andaina como cineasta traballa como crítico de cine na Radio Galega, Cahiers du Cinéma España e Cineuropa. En 2012 emigra a Suecia, onde filma o seu documental Pettring. Este traballo estreouse no Festival Europeo de Sevilla en 2013 e ten sido seleccionado en numerosos festivais internacionais. Actualmente traballa na súa segunda longametraxe.

Que é o Galician Film Forum?

O GFF é unha iniciativa que xorde de xeito espontáneo a principios deste ano nun grupo de galegos e galegas emigrados en Londres cun grande interese pola cultura galega. O obxectivo do GFF é crear un espazo para a difusión do cine galego na capital británica.

A primeira xornada de cine galego en Londres organizada polo GFF tivo lugar o pasado 20 de marzo na universidade King’s College. O programa incluíu a longametraxe ‘Encallados’, dirixida por Alfonso Zarauza, e dúas curtametraxes: ‘1977’, animación dirixida por Peque Varela e ‘Curricán’ de Álvaro Gago.

O Galician Film Forum ten vocación de continuidade servindo baixo tres eixes ao cine galego: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cine e a cultura galega en termos universais.

iconmonstr-file-33-120

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará

*